Historia

Un dos aspectos que motivou a creación dun club de fútbol foi a circunstancia de que a finais do século XIX recalaron en Ferrol numerosos técnicos ingleses.

Os estaleiros do Arsenal acolleron a distintos personaxes que propiciaron e colaboraron no auxe deste deporte na nosa cidade.

A comezos do século XX xa había en Ferrol varios equipos de fútbol como o Giralda, Alfonso XIII, Ferrol, Areas, Jaime I, etc.

Os primeiros encontros xogábanse na Graña, Caranza, Batallóns e no campo da Estación ou en calquera outro lugar que reunise un mínimo de condicións. Foi nas devanditas instalacións onde se empezaron a forxar os primeiros adeptos a este deporte e as bases da consolidada afección dos nosos días.

Fundadores

Xogadores e afeccionados ferroláns agrupáronse para crear un club potente que puidese competir con equipos de certo prestixio rexional como eran: Celta, Deportivo da Coruña ou Pontevedra. A idea partiu de catro amigos entusiastas do fútbol. Constantino Teijo, Francisco Lorenzo, Alfonso Varela e José Freire, que iniciaron en 1917 as conversacións para a unión entre o Giralda F.C. e o Jaime I F.C e crear un novo equipo.

O acordo definitivo non chegou ata o mes de xullo de 1919 integrándose o Círculo Vermello ao proxecto, creándose así o Racing Ferrol Football Club. A Asemblea da Federación Galega de Clubs de Fútbol, celebrada o 18 de outubro de 1919 en Vigo, certifica a admisión do Racing nas competicións oficiais de fútbol.

Sociedade Anónima Deportiva

Á marxe do aspecto deportivo, o ascenso a 2ª División “A” da tempada 2000-2001 marcou para o Racing outra etapa importante na historia do club.

A Lei do Deporte 10/1990 do 15 de outubro, e seguindo os criterios do Real Decreto 1084/1991 do 5 de xullo que obriga ao club para transformarse en S.A.D., ao integrarse na liga de Fútbol Profesional.

O capital mínimo fixado pola Comisión Mixta de Fútbol do 2 de febreiro de 2001, quedou establecido en 427.220.000 pesetas (2.567.643,91 ?). O club emitiu 42.722 accións cun valor nominal da acción de 10.000 pesetas (60,10 ?), o cal foi logrado tras a achega do Concello de Ferrol, empresas de Ferrol e os socios do Racing. Desembolsado na súa totalidade o capital social esixido pola Comisión Mixta, o 26 de xullo de 2001, en presenza de D. Pedro Luís García dos Hortos Vidal, Notario de Ferrol, do Ilustre Colexio da Coruña, asinándose a Escritura Pública de Constitución do Racing Club de Ferrol S.A.D.