A LALIGA Genuine comezará en novembro en Tarragona
A nosa formación de fútbol inclusivo participa polo segundo ano neste campionato pioneiro no fútbol inclusivo.
O noso equipo de fútbol inclusivo coñece xa o calendario que determinará a súa participación, pola segunda tempada, en LALIGA Genuine, un proxecto pioneiro en inclusión social no mundo do fútbol posto en marcha pola Fundación LALIGA. Con 47 equipos procedentes de toda España, esta liga oficial de fútbol para persoas con discapacidade intelectual reunirá a máis de 1.200 xogadores e xogadoras, consolidándose como un exemplo no deporte inclusivo e como unha plataforma que celebra a diversidade.
Os participantes repartiranse en dous grupos de competición baixo os nomes “Compañerismo” e “Respeto”. Cada un deles dirimirase ao longo de catro fases distribuídas en seis sedes.
Tarragona marcará de novo o punto de partida do campionato, coa disputa do primeiro dos torneos. A cita, que se dirimirá entre o 22 e o 24 de novembro co Nàstic de Tarragona como club anfitrión, será unha das máis emotivas, pois ademais de reunir a todos os participantes nunha única sede, acollerá a cerimonia inaugural no Nou Estadi Costa Daurada.
A segunda fase, dividida entre Valencia e A Coruña, celebrarase en febreiro e marzo. En Valencia, do 8 ao 9 de febreiro, o Valencia CF recibirá á metade dos equipos na Cidade Deportiva do Valencia CF en Paterna. Posteriormente, A Coruña acollerá a terceira sede o 15 e 16 de marzo, co RC Deportivo como anfitrión na Cidade Deportiva de Abegondo.
En abril e maio, a terceira fase tamén se dividirá en dúas sedes. As estrelas Genuine viaxarán a Vila-real o 26 e 27 de abril, co Villarreal CF como anfitrión na Cidade Deportiva José Manuel Llaneza, mentres que a segunda parte desta fase xogarase en Burgos, onde o Burgos CF será o centro neurálxico do fútbol máis xenuíno o 10 e 11 de maio na Cidade Deportiva do Burgos CF.
Finalmente, a gran fase final levarase a cabo do 30 de maio ao 1 de xuño en Bilbao, onde os 47 equipos disputarán os seus últimos partidos para determinar os campións da tempada 2024/25. O Athletic Club será o anfitrión nas súas Instalacións Deportivas de Lezama, sendo o escenario perfecto para esta gran final.
A inclusión, o respecto, o traballo en equipo ou a tolerancia son valores que abandeiran este proxecto e co que desde o Racing Club Ferrol nos sentimos plenamente alineados.