Skip to main content
GL
Fundación

O Racing empápase do plan que LALIGA desenvolve para as canteiras

There are no reactions yet. Be the first!

O Racing Club Ferrol, a través do responsable da súa canteira, Diego Garrido, participou a comezos desta semana no VIII Encontro de Canteiras que, organizado por LALIGA, tivo lugar no estadio El Molinón, do Real Sporting, en Xixón.

Durante a cita analizouse a evolución do Plan Nacional de Optimización e Mellora de Canteiras implantado hai dous anos e no que, durante este exercicio, máis da metade dos clubes superaron o 60-70% dos obxectivos da primeira fase. A presenza do noso club no ecosistema de LALIGA vai permitirnos profundar neste plan global de traballo proxectado a dez anos.

Ademais da revisión dos cinco pilares do plan, o Encontro tamén serviu para analizar a situación do fútbol base e proporcionar aos responsables das canteiras dos 42 clubes participantes formación específica sobre protección á infancia. Neste sentido, incidiuse na importancia de prestar unha atención integral ao xogador, cunha formación holística, atendendo a proxectos de saúde mental e escolarización a niveis superiores. Aspectos todos estes que están no epicentro do proxecto que o Racing Club Ferrol pretende desenvolver nun futuro a medio prazo e que pivotará en torno á súa cidade deportiva.

A profesionalización e formación dos profesionais das canteiras, o modelo formativo e a transferencia á competición ou as infraestruturas e recursos foron algúns dos aspectos en torno aos que tamén xiraron as ponencias desenvolvidas no marco destas dúas sesións de traballo.