O Racing visita ao Cádiz CF no Novo Mirandilla
O cadro ferrolán busca a súa primeira vitoria da tempada
O Racing Club Ferrol visita esta tarde o Novo Mirandilla para enfrontarse, a partir das 18.30 horas, ao Cádiz CF. A confrontación, correspondente á sexta xornada da LALIGA Hypermotion, supón un novo reto para o equipo de Cristóbal Parralo, na procura de conseguir a súa primeira vitoria da tempada. Os ferroláns chegan a este duelo con dous puntos no seu haber. Tres menos que o seu oponente, ao que tras o seu descenso desde LALIGA EA Sport tamén lle está a custar adaptarse á nova categoría.
O choque suporá o regreso de Nacho Sánchez á convocatoria racinguista. O futbolista non volvera participar en ningún encontro desde que no primeiro partido de liga sufriu un forte golpe no abdomen que lle provocou un neumotorax. A súa recuperación é a mellor noticia para os ferroláns que, polo contrario, continúan coas baixas de longa duración de Erick Cabaco e Aitor Buñuel, así como a ausencia de David Castro, quen cada vez está máis recuperado dese virus que lle ten privado de debutar no campionato.
Nas filas do Cádiz, a gran novidade é o regreso á convocatoria de Kouamé; mentres que Ontiveros será seria dúbida ata o último momento.
O Racing non estará só no Novo Mirandilla. Nas bancadas do coliseo gaditano concentraranse case dous centenares de afeccionados entre os que se desprazaron desde Ferrol e os que acudirán desde emprazamentos máis próximos. A súa presenza será unha nova proba do compromiso que a afección departamental ten co seu equipo. Ese empuxe será determinante para tratar de conseguir esa ansiada vitoria, tal e como o expoñía Cristóbal Parralo en rolda de prensa.