O Racing en busca dos tres puntos no Novo Arcálgel
O cadro ferrolán visita ao Córdoba CF con tres puntos de gran importancia en xogo
A sétima xornada da LALIGA Hypermotion leva ao Racing Club Ferrol ao Novo Arcángel, onde esta tarde, a partir das 18.30 horas, medirase ao Córdoba CF. Unha contenda na que o equipo dirixido por Cristóbal Parralo busca sumar a primeira vitoria da tempada e recuperar as boas sensacións. Farao fronte a unha escadra que, como ela, ocupa actualmente postos de descenso na clasificación. Un rival directo ante o que os puntos en xogo cobran maior importancia.
O conxunto departamental non poderá contar neste encontro cos lesionados Erick Cabaco, Aitor Buñuel e Brais Martínez. Tamén quedou en Ferrol o xuvenil David Carballo, que alterna a súa participación no primeiro equipo coa súa escadra xuvenil da Liga Nacional. Na outra cara da moeda, a mellor noticia para os ferroláns será o retorno á convocatoria de David Castro unha vez superado o virus abdominal que o tivo no dique seco desde a pretempada.
Nas filas do Córdoba CF, serán baixa para este encontro Martínez, por sanción, e Zalazar por lesión.