Mediamarkt inspirase no Racing no seu TEAM DAY
Os xestores da tenda de Ferrol visitáronnos para coñecer en profundidade o noso proxecto.
Os xestores de MediaMarkt Ferrol visitáronnos a semana pasada para celebrar nas nosas instalacións o seu TEAM DAY, unha xornada interna para facer balance, adquirir compromisos e trazar estratexias.
O seu obxectivo é converter a súa tenda na preferida en Ferrolterra e por iso acudiron a A Malata, co fin de inspirarse no noso modelo de política social que sitúa ao afeccionado no centro do proxecto. “Sentímonos moi próximos ao club polo empeño en fidelizar a afeccionados a través do arraigo social, compartindo e emocionándoos como principal motor dos seus éxitos”, explicábanos o seu delegado, Esteban Delgado
Durante toda a mañá compartimos con eles a nosa experiencia e mostrámoslles os entresáns do traballo que se desenvolve en A Malata, tratando de aportarlles unha visión realista do club. “Levamos a crenza de que poñer aos clientes no centro e coidalos é a mellor forma de crecer. Pero, sobre todo, que ao éxito se chega traballando en equipo, con compromiso e dunha maneira sinxela”, remarcaba Esteban Delgado