As categorías de base, a pleno rendemento
Todos os equipos que conforman a canteira do club xa están a adestrar. Os xuvenís da Liga Nacional Xuvenil comezan o campionato a próxima semana.
Todos os nosos equipos de formación xa están a pleno rendemento para preparar unha tempada que, no caso da nosa formación xuvenil A de Liga Nacional, arrincará o 8/9 de setembro. O cadro que dirixe Nacho García con axuda de Cristian López arrincará a liga no seu feudo enfrontándose ao Valladares. Será a primeira proba nunha campaña na que a formación racinguista tratará de darlle continuidade ao traballo feito o pasado exercicio e que estivo a piques de valerlle o ascenso a División de Honra. Non será unha tarefa doada, tendo en conta que unha parte importante da plantilla daquela rematou a súa etapa de formación. Esta circunstancia propiciou un relevo xeracional e abriu a porta do equipo a varios dos futbolistas que chegan desde o xuvenil B, así como a un par de reforzos procedentes de outros clubes.
En calquera caso, as liñas mestras deste equipo non variaron substancialmente e Nacho García tratará de volver a conformar un grupo competitivo e solvente que volva a loitar por colocarse en postos de privilexio.
O resto das formacións masculinas iniciarán a competición a mediados de setembro. En algúns casos, como o do Xuvenil B, o farán en campionatos renomados -Preferente- e con algunhas modificacións na súa configuración. Jandro Paadín e Iván Pita estarán ao cargo dun equipo que se estrea practicamente na súa totalidade na categoría, procedente desde o cadete A. A súa mocidade non debe ser un hándicap, senón unha oportunidade para evolucionar na súa formación.
Dúas escuadras cadetes masculinas, unha na renombrada Preferente e outra na recén creada en 1ª Futgal, e unha feminina na Liga Galega, forman tamén parte da estrutura do club en categorías de formación. A primeira delas, ao cargo de Juan Martín e Miguel Alonso; e a segunda con Javier Pérez e Adrián Carballeira á fronte. Ambas nutrense en primeira instancia de futbolistas que continúan a súa formación deportiva no club, con algúns xogadores chegados, de forma puntual, doutras entidades. O cadete B completou un gran rendemento na súa etapa infantil e para o que hai fixado como obxectivo seguir avanzando de forma axeitada na súa formación deportiva para sacar o máximo partido tanto individual como colectivo.
O equipo cadete feminino é unha das principais novidades na nosa estrutura de traballo. Carlos Ramallo e Francisco Filgueira dan continuidade ao proxecto que o ano pasado arrincou en categoría infantil. Moitas delas, de feito, formaban parte dese conxunto que debutou na tempada 2023/24. A esas xogadoras que pasan de categoría únenlles novas incorporacións para conformar un equipo que militará na Liga Galega.
O noso único equipo na División de Honra competirá na categoría infantil da man de José Luis Mosquera e Yeray Garel. Pola súa parte, o conxunto infantil B masculino, dirixido por Rogelio Rey e Álex Gómez, competirá en Primeira Futgal.
Repite un ano máis na Liga Galega o conxunto feminino, ao cargo de Hugo Lorenzo e David Bello. Unha formación que segue sendo a porta de entrada para que moitas mozas xogadoras da comarca se inicien na disciplina e accedan ao club.