Skip to main content
GL
Cantera

Xornada favorable para os nosos equipos de base

Varias das nosas equipas están a facerse fortes na cabeza da clasificación

There are no reactions yet. Be the first!

Cuarto triunfo consecutivo para o Racing xuvenil que milita na Liga Nacional. O equipo que dirixe Nacho García superou ao CD Lugo a domicilio (0-2) e faise forte na cabeza da clasificación. Os ferroláns fixeron un partido moi completo nun escenario de máxima igualdade no que foron capaces de aproveitar mellor as súas ocasións de gol.

Bo rendemento tamén o da nosa formación xuvenil B, que acadou a súa primeira vitoria no campionato. Neste caso, fixérono á conta dun Boiro que chegaba a Ferrol invicto e ao que superou por 3-0. A formación que dirixe Jandro Paadín non só foi moi eficaz de cara á meta rival, senón que tamén defensivamente rendeu a moi alto nivel

Non pode pedirlle máis a este arranque do campionato o Racing Cadete A, que se mantén á fronte da clasificación de Preferente Futgal tras gañar ao Residencia. O parello do marcador (2-3) dá conta da igualdade que se viviu nun encontro. A formación ferrolá adiantouse no marcador, pero o seu oponente deulle a volta ao resultado. Tras igualar a contenda, foi nos instantes finais cando unha acción individual decantou o choque a favor do Racing.

A cruz da moeda, neste caso, a puxo o equipo B, que caeu co Calasanz (3-5) nun duelo ao que ambos se presentaban invictos. Non saltaron ben ao campo os racinguistas, que se atoparon con dous goles en contra nos primeiros 8 minutos. A pesar de que non lle perderon a cara ao partido e seguiran competindo, esta circunstancia foi un lastre moi pesado para os da casa.

Na competición infantil de División de Honra, segue a boa racha para o Racing A, que gañou ao líder, o Pabellón, por 2-1 tras remontar un marcador que se lle puxo en contra cando apenas se levaban disputados 20 minutos de xogo. A rápida reacción dos anfitrións foi clave para, ao cabo, facerse cos tres puntos.

Polo contrario, o derbi que enfrontou ao infantil B co Narón O Freixo saldouse con vitoria pola mínima (3-2) para os naroneses, que romperon así a imbatibilidade da escadra ferrolá. A superioridade física dos locais foi determinante e, aínda que o Racing estivo por diante no marcador en algunhas fases do partido, acabou claudicando ante un adversario máis potente.

A xornada trouxo, ademais, o estrea das dúas escadras femininas do club que compiten na liga autonómica. Fixérono con sorte dispar, pois mentres o equipo cadete gañou a domicilio ao Silva por 1-5, o conxunto infantil viuse superado polo Victoria.