¡Oh capitán, meu capitán!
Álex López cede a súa ficha como futbolista, pero seguirá vinculado ao organigrama do club.
Racinguistas, resulta imposible atopar as palabras para comunicarvos que Álex López, o noso capitán, deixará de vestirse de curto para asumir outras funcións dentro do organigrama do club. Quen foi líder do racinguismo e do equipo no campo, nun acto de xenerosidade, puxo á disposición da entidade a súa ficha federativa para que o equipo se reforce de cara ao segundo tramo do campionato e lograr así ese obxectivo polo que el tanto loitou e na súa consecución foi unha peza imprescindible: que o Racing se asente no fútbol profesional.
O seu non é, nin moito menos, un adeus, posto que continuará sendo un activo fundamental ao poñer toda a súa experiencia e coñecemento ao servizo deste proxecto.
A próxima semana, o club e Álex López comparecerán publicamente para brindarlle un merecido recoñecemento á altura do que a súa figura significou para o racinguismo tanto dentro como fóra do campo durante toda a súa traxectoria como futbolista.