O Racing recibe ao Real Oviedo en A Malata
O duelo xogarase mañá domingo ás 14.00 horas.
A 18ª xornada da LALIGA Hypermotion trae mañá domingo a A Malata ao Real Oviedo. O partido, programado para as 14.00 horas, enfróntanos a un dos equipos, a priori, candidatos a loitar polo ascenso. Unha vitola que os pupilos de Javier Calleja se encargaron de alimentar neste tramo inicial do campionato, cun xogo efectivo e bos resultados que os situaron na oitava posición con 26 puntos.
A súa fulgurante traxectoria viuse freada na última xornada cunha derrota ante a SD Huesca que, con toda seguridade, espoleou aos carbayones de cara a esta visita a A Malata. Un estadio onde o Racing Club Ferrol trata de facerse forte como catapulta para mellorar a súa situación na táboa. Aínda que o conxunto verde segue "pelexado" co gol, os ferroláns chegan cada vez con máis perigo á meta rival e, sobre todo, fixeron da solidez defensiva o seu bastión. Tres empates consecutivos, con tres porterías a cero, corroboran esta seguridade á que pretenden darlle continuidade.
De novo, as baixas de moitos dos integrantes da plantilla serán o maior quebracabezas para Cristóbal Parralo, que deberá prescindir por sanción de Naldo -completou o seu primeiro ciclo de tarxetas amarelas- e por lesión de Brais Martínez, Fran Manzanara, David Carballo, Moi Delgado, Erick Cabaco e Eneko Jáuregi. Regresan á convocatoria Álvaro Giménez e Rober Correa.
Polas súas partes, nas filas do Real Oviedo, quedan fóra da convocatoria Álvaro Lemos e Mascarenhas, por lesión, así como o sancionado Luengo.
CONVOCATORIA: Jesús Ruiz, Julián Delmás, Rober Correa, Aleksa Puric, Álvaro Sanz, Chiki, Álex López, Josep Señé, Nacho Sánchez, Bebé, Yoel, Aitor Gelardo, David Castro, Josue Dorrio, Manu Vallejo, Álvaro Giménez, Aitor Buñuel, Luis Perea e Jesús Ruiz.