Skip to main content
GL

Segunda equipación, homenaxe ao Arsenal CF

A nosa camiseta adidas conta cun parche que reinterpreta o escudo do histórico club

There are no reactions yet. Be the first!

O Arsenal CF, un dos equipos históricos do fútbol da comarca e filial do noso Racing Club Ferrol dende 1976 ata a súa desaparición en 1993 -dende 1981 coa denominación de Ferrol Atlético-, é o protagonista da segunda equipación coa que esta tempada competiremos na LALIGA Hypermotion.

Unha vestimenta coa que, da man de adidas, apostamos de novo por facer unha ollada ás nosas raíces lucindo a súa icónica camiseta de franxas negras e brancas. Un club nacido ao abeiro dos Estaleiros e que, aínda que oficialmente non se vinculou co Racing ata esa década dos anos 70, sempre foi de forma oficiosa un equipo irmán e moi achegado; que nos nutriu permanentemente de xogadores e polo que pasaron ilustres do fútbol de Ferrolterra.

Redeseñada por adidas, cunha liña moderna e funcional, portamos de novo esta camiseta que recolle ademais unha alusión expresa á súa orixe a través dun parche circular no que se reinterpreta o escudo orixinal do Arsenal CF, a través dos seus catro elementos característicos: as franxas bicolor, a proa dun buque, o balón e a roda dentada.