Os nosos equipos de base, tanto de Fundación como de Escola, continúan co seu labor de formación dentro das diferentes competicións e este fin de semana, en xeral, con moi bos resultados.

Na Liga Nacional Xuvenil, o Racing Xuvenil continúa na loita por unha das prazas de ascenso de categoría ao vencer nun partido clave ante un rival directo por ese mesmo obxectivo. O sábado, en Vilalba derrotou, grazas a un gran traballo de todo o equipo, ao Racing Vilalbés por 1-2 cos tantos de Edu e Alberto. Agora faltan 3 xornadas para a conclusión da competición e colócase a 5 puntos dunha desas dúas prazas de ascenso e que nestes momentos ocupan con empate Vilalbés e Pontevedra. Este fin de semana, nova xornada na que o noso equipo recibe na Gándara ao Choco, nun partido que volve ser crucial para os nosos, aínda que se estará tamén pendente dos resultados dos rivais directos.

Na División de Honra Cadete, triunfo tamén do noso equipo que xogou en Carballo ante o Bergantiños e ao que venceu por 0-2, grazas aos dous goles de Álex do Río. Logo de 31 xornadas o noso equipo ocupa a 8ª posición con 42 puntos.

Na Liga Galega Cadete, tamén o Racing “B” está na 8ª praza con 40 puntos. O sábado, na Gándara derrotou ao Porto Burela por un claro 4-0, cos tantos de David, Anthony, Hugo e Mario.

En canto á Liga Galega Infantil, falamos tamén de vitoria do Racing “A” que se mantén na 7ª praza con 54 puntos logo de vencer ao Residencia polo resultado de 2-1 e os goles de Emilio e Isaac.

No que se refire á 2ª fase da Liga Local Infantil, o Racing “B” xogou no Campo de Sinde o partido correspondente á última xornada, onde caeu ante o Val pola mínima. O noso equipo finalizou na 3ª praza con 35 puntos. O seu próximo obxectivo, a final de Copa na que se enfrontará ao Narón o próximo 17 de maio.

En canto aos equipos da Escola resumimos a continuación o fin de semana:

Na Liga Feminina, interesantísimo final de liga para o noso equipo que este fin de semana acadou unha nova vitoria ao derrotar ao Eume Deportivo por 3-1, con dous goles de Carolina e un de Alba. Este triunfo permítenos seguir na 2ª praza, empatados a puntos con O Val “B”, pero dependendo de nós mesmos. Este próximo fin de semana, última xornada, na que nos enfrontamos ao Perlío e no que un triunfo daríanos o subcampeonato de liga.

No que se refire á categoría Infantil, o equipo de Escola finalizou este fin de semana a competición derrotando ao Cañoles por 11-2. Tres novos puntos para o equipo de Miguel Martín que conclúe a 2ª fase da Liga Local en 5ª posición con 27 puntos.

En canto aos máis pequenos, o labor da Escola é meramente formativo e un ano máis hai que valorar de forma moi positiva este aspecto polo traballo diario que realizaron os monitores cos alumnos durante este curso que está a piques de concluír. De feito, este fin de semana deu por finalizada a competición de liga en alevíns, en dous grupos de benxamíns e nun de prebenxamíns.

Na categoría de Alevíns, no Grupo 1º a Escola “A” finalizou na 3ª praza con 38 puntos tras perder en Caranza. No Grupo 2º, 10º posto para a Escola “B” que caeu ante o Mugardos e para a Escola “C” tras perder no campo do Freixo “B”. E para rematar, no Grupo 4º, a Escola “D” despide a liga en 4ª posición e con empate ante o Narón “C”. A próxima cita para os nosos equipos será xa este fin de semana en Caranza onde se celebrará o Torneo de Convivencia.

Na categoría Benxamín, tamén final de liga este fin semana para os dous primeiros grupos. No Grupo 1º co título de campión de liga para a Escola “A” que finalizou con 51 puntos e coa vitoria ante o Cariño. Este primeiro posto dálle dereito a disputar a Fase Provincial. No Grupo 2º 4ª posición para a Escola “B” con 37 puntos logo de perder ante o San Pedro. Os equipos destes dous grupos xogarán este próximo fin de semana o Torneo de Convivencia que se celebra na Barqueira. No que se refire ao Grupo 4º aínda faltan 3 xornadas para finalizar a competición. Este fin de semana o Benxamín “C” venceu en Mugardos e ocupa o primeiro posto e o Benxamín “D” é 10º tras derrotar ao Amistade Meirás.

Para rematar, en Prebenxamíns, final no Grupo 1º e co subcampeonato da Escola “A” con 39 puntos e que lle dá dereito a xogar a Fase Provincial pero antes participará no Torneo de Convivencia que se celebra en San Sadurniño. No Grupo 3º o equipo Escola “C” ocupa a 6ª posición logo de gañar en Maniños, mentres que a Escola “B” perdeu ante o Cedeira e está na 10ª praza.

Deja un comentario