Emoción non lle falta á penúltima xornada da Liga Nacional Xuvenil, co horario unificado de domingo ás 12:00 horas, para decidir tanto os postos altos da táboa (ascenso) coma os baixos (descenso).

Por sorte, ao Racing Xuvenil lle toca competir na zona de privilexio da clasificación. Cun pé e medio na División de Honra de cara á próxima tempada, os pupilos de Manel Fernández e Fran Cainzos queren celebrar ese ascenso mañá mesmo. Despois de escaparse a celebración en casa o pasado fin de semana ao non pasar do empate ante o Lugo, o noso equipo chega a esta xornada coa necesidade de sumar tan só un punto para alcanzar o seu obxetivo. Por diante terán 90  minutos para conseguilo no campo Manuel Jiménez de Villagarcía enfrontándose ao Arosa, ainda que o rival tamén se a xoga. Neste caso, para non perder a categoría xa que serán os cinco últimos clasificados os que digan adeus á Liga Nacional.

“Concentración e xogar sen ansiedade” son as claves para gañar mañá en palabras do técnico Manel Fernández, quen destaca a gran segunda volta que está facendo o equipo con só 1 derrota en 15 partidos disputados.